6.5.07

Presentación

As I Xornadas da Curtametraxe Galega (“Curtas.gz”) nacen a partir da iniciativa do estudantado organizado nos CAF (Comités Abertos de Facultade) e mais do Cineclube da Facultade de Ciencias Sociais, de recente creación. Terán lugar os días 14 e 15 de Maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

Os nosos obxectivos son:

  • Dar a coñecer a xénese e evolución da curtametraxe na Galiza, desde os seus inicios no cinema silente até o cinema afeccionado dos anos 70 e 80, canteira de formación dos valores do cinema galego actual.
  • Servir de ponto de encontro para o debate en torno á realización de curtas na actualidade, promovendo a creación audiovisual no noso idioma.
  • Converter o Cineclube da Facultade de Ciencias Sociais nun referente para a promoción e estudo da curtametraxe galega
  • Reivindicar a necesidade dun cinema proprio como símbolo da vitalidade cultural do noso país.

A programación pretende dar a coñecer os inicios, traxectoria e panorama actual do curtametraxismo en Galiza, dun modo sintético e didáctico. Está estruturada en 2 días, en xornadas de mañá e de tarde, onde terán lugar, de maneira alternada, ponencias, mesas
redondas, debates e proxeccións.

No primeiro día , titulado “Os Inicios”, pretendemos dar unha visión global da etapa embrionaria do curtametraxismo, coincidente cos comezos do cinema silente no noso país.
Seguindo un criterio cronolóxico trataremos as fases seguintes, facendo especial fincapé nos anos 70. Poremos en valor o cinema afeccionado que xorde nesta etapa, canteira do cinema galego actual. Unha mesa redonda, onde participarán os principais protagonistas desta etapa, dará conta da vitalidade da producción galega na altura.

O segundo día, titulado “Actualidade”, intentaremos dar unha visión do panorama actual do curtametraxismo en Galiza, comezando as xornadas cun debate sobre a promoción e axudas ao curtametraxismo, así como unha mesa redonda na cal se daría conta dos certames de curtas máis importantes do país, contando cos seus organizadores. Durante a tarde, terán lugar proxeccións de curtas galegas coa presenza dos seus directores.

As Xornadas da Curtametraxe Galega contan coa colaboración da Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra

Sem comentários: